
O tema da guerrilla non foi esquecido na nosa historia nin na nosa literatura. Ao contrario, inspirou un bo número de investigacións dos nosos historiadores e historiadoras e tamén serviu de fío condutor de obras importantes da nosa literatura. E aínda hoxe permanece de xeito imborrable na memoria da nosa sociedade. Mais tamén ficaron na memoria colectiva os mitos creados naqueles anos escuros, dunha banda e doutra, que hoxe, coas ferramentas da investigación histórica e con novas fontes de documentación ao alcance dos historiadores, deben ser superados.
Este Congreso da Guerrilla quere dar continuidade a ese esforzo investigador e convertirse nun punto de encontro no que os investigadores poidan aportar os seus traballos sobre a resistencia galega ao franquismo dende distintos e plurais puntos de vista.
Recuperar a memoria de moitos protagonistas anónimos daqueles feitos, achegar a historia da aportación galega á resistencia antifranquista fora da Galiza, historiar a significación dos diferentes colectivos políticos e sociais, lembrar as repercusións sociais, políticas e mesmo económicas do feito guerrilleiro, son algunhas das tarefas que desexamos abordar neste Congreso.
Agardamos que a participación dos traballadores e traballadoras da historia neste Congreso poida servir para acadar eses obxectivos e tamén un outro algo máis trascendente: lembrar, recoñecer e homenaxear o esforzo e o padecemento de milleiros de galegos e galegas na resistencia contra a dictadura franquista.
No hay comentarios :
Publicar un comentario