Fernando Arrizado gañou o Premio de Xornalismo Johán Carballeira cunha reportaxe sobre un guerrilleiro antifranquista.
D.G.P. Bueu, 29 de diciembre de 2008. Fernando Arrizado é o gañador do VI_Premio Johán Carballeira de Xornalismo. O xornalista presentou unha reportaxe publicada en Vieiros sobre a figura dun dos guerrilleiros galegos antifranquistas máis famosos: Benigno Andrade, coñecido polo seu alcume de "Foucellas" (en referencia a parroquia da que era natural, en Curtis).
-Presentou un traballo sobre un represaliado do franquismo, un tema ben acaído a un concurso que leva o nome de outro persoeiro que foi fusilado durante a Guerra Civil.
-Si. A verdade é que sabía que nese sentido tiña posibilidades de gañar. Hai certos paralelismos entre as figuras de Foucellas e Johán Carballeira e, grazas a este premio, teño a posibilidade de coñecer mellor a obra de Carballeira.
-Esperaba gañar?
-Presenteime con esa idea e a verdade é que é unha ledicia.
-Como se xestou a reportaxe sobre "Foucellas"?
-Vén dunha serie de actos convocados pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e polas asociacións Eira Vella de Betanzos e Obradoiro da Historia de Ordes. Tratábase de conmemorar o centenario do seu nacemento e facer unha homenaxe ós heroes anónimos que loitaron contra o franquismo.
-Cal é a historia que rodea a "Foucellas", ó que define como o máis lendario dos guerrilleiros antifranquistas?
-Gústame moito unha frase dunha das persoas que o coñeceu: "era boa persoa que se botou ó bravo" e que viña a dicir que era un home normal, pero que polo golpe militar de 1936 tivo que botarse ó monte. Foi tan famoso que a case todos os maquis lles chamaban "Foucellas". E a el atribuíanlle case calquera cousa que acontecese, aínda que fose en sitios distantes e ó mesmo tempo. Convertiuse case nun fito popular.
-Como foi capturado?
-Estaba vivindo nunha cova e collérono cando se estaba aseando para ir a unha festa. Iso demostra que el relacionábase coa xente e había persoas que sabían onde estaba. Posiblemente algunha delas o delatou. Tamén era moi coñecida a súa afición a ir ós partidos do Deportivo, para o cal se disfrazaba de cura. A súa vida dá para facer unha película.
-Este premio chégalle xusto nun momento no que se fala moito da recuperación da memoria histórica. Que opinión lle merece este proceso?
-Son moi escéptico. Fíxose moita propaganda coa Lei da Memoria Histórica, pero creo que se quedou en papel mollado e un bo exemplo é que aínda non se retiraron os símbolos franquistas. Os antigos guerrilleiros que aínda viven piden unha serie de cousas que son básicas: non chega só cun recoñecemento moral, piden unha pensión económica porque en realidade foron soldados da República durante o franquismo, pero o goberno actual non cede neste sentido.
-Está contento co resultado final do seu traballo?
-Gústame como quedou porque recolle cousas importantes, como o cambio que sufre a vida dunha persoa a raíz do golpe militar. E sobre todo, demostra que o galego non foi un pobo sumiso, senón que houbo xente que se rebelou e combateu.
No hay comentarios :
Publicar un comentario