A Asociación “Sempre con Vós. Cidadanía pola Verdade” da comezo en Pontevedra a unha serie de actividades que comezarán o vindeiro XOVES, día 15 de outubro ás OITO da tarde no Teatro Principal de Pontevedra.O acto consistirá na proxección do documental “LA ISLA DE CHELO” realizado en Francia por Odette Martínez, Laetitia Puertas e Ismael Cobo, no que se recolle a vida e testemuño de Consuelo Rodríguez López, coñecida por CHELO e que reside actualmente na Ile D`Yeu na costa atlántica francesa.
Chelo naceu en Soulecín, na bisbarra do Barco de Valdeorras en Ourense; logo do golpe militar, xa no 37, os seus irmáns fuxen ao monte para integrarse na guerrilla. No 1939, contando Chelo 20 anos, un grupo de lexionarios entra no pobo e tortura e mata aos pais de Chelo para que servise de escarmento aos seus veciños. Cunha irmá, únese á guerrilla. Detencións, clandestinidade, paso a Francia... todo conforma un testemuño e un alegato pola reivindicación dos guerrilleiros como loitadores dunha sociedade democrática.
Na presentación do documental estará presente Francisco Martínez López “Quico”, na loita contra os sublevados dende os 17 anos e compoñente da mítica guerrilla de Girón que estivo activa entre León e Galicia ata o ano 1951 no que pasa a Francia , país onde continúa coas súas actividades antifranquistas. Aparte de ser unha persoa que coñeceu a Chelo na súa actividade guerrilleira, é pai dunha das realizadoras do documental e autor do libro “Guerrilleiro contra Franco” editado por Edicións A Nosa Terra.
A asistencia ao acto do xoves día 15 será libre e gratuíta e a el están convidadas todas as persoas interesadas
No hay comentarios :
Publicar un comentario