Salón de Actos da Facultade de Filosofía da USC. Mércores 29 de xullo de 2009. 12.00 h
No ano 2006, as universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña asinaron un convenio de colaboración coa Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia para levar a cabo un programa de investigación sobre a guerra civil e a represión en Galicia baixo o título “As vítimas, os nomes, as voces e os lugares”. Un dos froitos desta investigación é a Base de Datos das vítimas da guerra civil e a represión franquista en Galicia, que será presentada publicamente nun acto que se celebrará o día 29 de xullo de 2009 ás 12.00 h, no Salón de Actos da Facultade de Filosofía da USC na praza de Mazarelos en Santiago de Compostela.
Deste xeito, dáse a coñecer parte do traballo desenvolto polo equipo de investigación nos últimos anos referente ao estudo das vítimas da represión franquista entre 1936 e 1939. A base de datos que presentamos dista de ser definitiva, nin polo número, nin polo tempo que durou a represión da ditadura, nin polas formas que esta adquiriu pero todos os datos que presentamos están criticados, cruzados entre diferentes fontes e sometidos polo tanto a unha contrastación e validación que non sempre é doada.
Expedientes dos procesos xudiciais (2.608-máis de 400.000 páxinas), rexistros civís dos concellos (310), fonte oral (100 entrevistas das 450 que posúen os fondos do proxecto, e o resto seguirán a incorporarse) e traballos publicados por diferentes autores nas últimas décadas (52).
A Base de Datos está pensada como una obra en permanente construción, incorporando novos nomes na medida que se consulten novas fontes documentais. Tamén está suxeita a correccións, xa que, asumindo os posibles erros en calquera dos datos ofrecidos, estes serán corrixidos a medida que se vaian contrastando novos datos. Apelamos, xa que logo, á propia cidadanía, comezando polas familias das vítimas, para arranxar coas súas informacións as incorreccións que poidan existir.
Este traballo signifícase como unha das iniciativas de recuperación da memoria da represión e do franquismo máis completas no conxunto do Estado. Nos próximos anos, a equipa do Proxecto, dirixido polo catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto e coordinado por Emilio Grandío (A Coruña), Mª Jesús Souto (Lugo), Julio Prada (Ourense), Dionisio Pereira (Pontevedra) e Xosé Manoel Núñez (Galicia Exterior) ampliará, nunha segunda fase de desenvolvemento da investigación a cronoloxía das súas pescudas abordando os primeiros anos da instauración da réxime franquista a partires de 1940.
Toda a información da Base de Datos estará localizada na web do proxecto
O desenvolvemento técnico desta nova ferramenta é autoría do equipo “A Navalla Suiza”, que pensaron nun contorno web cun deseño e usabilidade axeitados ao traballo dos investigadores, coidando que a súa publicación atenda á unha consulta sinxela e cómoda.
Proxecto de Investigación Interuniversitario “Nomes e Voces”
Edificio Monte da Condesa, s/n 2º andar Campus Sur
15782-Santiago de Compostela
Teléfono: 981 563100 Ext. 13598
No hay comentarios :
Publicar un comentario