15 de enero de 2014

Estimada Mª José ... recuerda que aunque a veces hay malas experiencias, nunca debes retroceder ni rendirte, quien persevera alcanza.
Joan Busquets i Verges. Exmaqui libertario del Berguedá 28/12/2013
"Muero contento, porque equivocado o no, muero por una idea" Manuel Barreiro dos días antes de ser fusilado 12/3/1939


sábado, 4 de abril de 2009

Comunicado de Dionisio Pereira sobre a sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra

Veño de coñecer, despois de un ano de espera, a sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra, respecto do recurso presentado pola familia de Manuel Gutiérrez Torres, antigo dirixente falanxista e alcalde de Cerdedo na Ditadura franquista, contra a miña absolución na vía civil en Iª Instancia polo Xulgado de A Estrada dun presunto delito de atentado contra da honra da devandita familia.

A Sección IIIª da Audiencia Provincial de Pontevedra, resolve rexeitar o devandito recurso, reafirmando en todos os seus términos a sentenza do Xulgado de Iª Instancia de A Estrada, adxudicando asemade as costas en 2ª Instancia aos demandantes.

Compre lembrar que as dúas argumentacións nas que se basean as dúas sentenzas son:

1º) Prevalencia do dereito á investigación histórica fronte o dereito á honra.

2ª) Considerar que o escrito denunciado forma parte de unha investigación histórica realizada cun método científico, no que non existe ningunha pretensión de atentar contra a honra de ninguén e menos da familia demandante,

Segundo a miña avogada, non existe posibilidade de recurso ao Tribunal Supremo, ao non existir defecto na sentenza nin cuantía económica que o xustifique. No entanto, sí hai a posibilidade de presentar recurso de apelación ao Tribunal Constitucional, algo que arestora descoñezo.

Hai moi poucas horas recibimos tamén outra boa nova, pois o recurso de apelación que a mesma familia presentou contra a decisión do Xulgado de Iª Instancia de A Estrada de non procesar pola vía penal ao compañeiro Alfredo González Ruibal, foi así mesmo rexeitado. O compañeiro Alfredo, pois, non será procesado.

Para rematar, quixera facer só unha breve consideración: eu acredito na dor e no desasosego que padecen os achegados aos presuntos represores, cando a persistente brétema do esquecemento comeza a se levantar tras o traballo das persoas comprometidas coa recuperación da “memoria dos vencidos”, dando a coñecer os brutais episodios nos que hipotéticamente puido estar implicado o seu devanceiro. Unha dor de seguro incomparable á padecida polas familias das vítimas do franquismo, pero un sentimento que, ao cabo, debe ser respectado sempre e cando non impida o coñecemento e a valoración do acontecido. Mais se aqueles teiman en contrapoñer mesmo pola vía xudicial unha pretendida memoria familiar inmaculada, fronte á dos represaliados e represaliadas de xeito ruín e irreparable, estanse a situar nun egoista plano de inxustiza e de escurantismo, rexeitando así o seu concurso á rexeneración democrática que o Estado español precisa con urxencia.

É o intre, pois, de rectificar e de construír entre tod@s un espazo de convivencia no que a liberdade de investigar e o dereito a saber sexan amparados polos poderes públicos e a sociedade no seu conxunto.

Nada máis, aínda que non se pode dar por rematado este pouco recomendable roteiro xudicial, quixera aproveitar a ocasión para amosar o meu aceso agradecemento a todas as persoas que dunha maneira ou doutra achegaron o seu apoio, convertendo un avatar persoal nunha loita colectiva a prol dunhas liberdades que nos son imprescindibles.

Como dixo Walter Benjamin "O pasado dos perseguidos e dos excluídos debe ser recuperado, porque nada do que aconteceu é un asunto cancelado".

"Velaí a razón pola que os que devecemos por unha vida máis libre e máis xusta, debemos continuar con firmeza a recuperar a "memoria dos vencidos".

Saúdos.

Dionísio Pereira

No hay comentarios :

Publicar un comentario

+++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++

+++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++