15 de enero de 2014

Estimada Mª José ... recuerda que aunque a veces hay malas experiencias, nunca debes retroceder ni rendirte, quien persevera alcanza.
Joan Busquets i Verges. Exmaqui libertario del Berguedá 28/12/2013
"Muero contento, porque equivocado o no, muero por una idea" Manuel Barreiro dos días antes de ser fusilado 12/3/1939


sábado, 16 de mayo de 2009

Intelectuais galegos e Pérez Esquivel denuncian a ilegalización

Brindan o seu apoio a Iniciativa Internacionalista e denuncian o que consideran unha "reiterada violación da liberdade de expresión e do dereito á acción política".

Redacción -16/05/2009
Unha trintena de persoeiros galegos, todos eles vencellados ao mundo da cultura, solidarízanse coa candidatura de Iniciativa Internacionalista, logo de que o Tribunal Supremo anulase a súa lista. Este grupo de intelectuais, entre os que atopan Darío Xohan Cabana, Antón Dobao, Anxo Angueira ou Patricia Janeiro entre outros, lamentan o que consideran un intento de "calar a voz de milleiros de cidadáns e cidadás", ademais dunha reiterada violación da liberdade de expresión e do dereito á acción política".
Reproducimos aquí o manifesto no que brindan o seu apoio á candidatura encabezada por Alfonso Sastre e na que se integra Xosé Luís Méndez Ferrín como número seis.

Os e as abaixo asinantes, conscientes de que quen fixo da cultura e da comunicación o seu oficio ten a ineludible responsabilidade de denunciar os abusos dos poderes establecidos e as mentiras dos grandes medios, convidamos á cidadanía en xeral -e moi especialmente a escritores e escritoras, artistas, cineastas, actores e actrices, profesores e profesoras, xornalistas e demais persoas do ámbito mediáticocultural- a se pronunciar contra a última gran ofensiva do capitalismo neoliberal, que pretende salvagardar os ricos da gravísima crise que eles mesmos provocaron e facer pagar as súas consecuencias, máis unha vez, ás clases traballadoras e aos desposuídos.

No Estado español e paralelamente ao fracaso do suposto ¿estado do benestar?, asistimos nos derradeiros anos ao agravamento da represión e ao recorte das liberdades e os dereitos fundamentais, tanto individuais como colectivas, ao desmedido aumento da especulación e as agresións ao medio ambiente, a unha corrupción xeralizada, a un contínuo deterioro do público a prol da mercantilización e das privatizacións en campos tan básicos como a sanidade ou a educación, ao estancamento -cando non ao retroceso- das medidas contra a discriminación de xénero, á marxinación e a explotación desapiadada dos inmigrantes...

Consideramos, xa que logo, imprescindible e urxente xuntar forzas contra o capitalismo salvaxe e contra a conculcación do dereito a decidir das distintas nacionalidades, e iso en todos os terreos, dende o laboral e o cultural ata o especificamente político. En consecuencia, brindamos o noso apoio á candidatura ás próximas eleccións ao Parlamento Europeo denominada INICIATIVA INTERNACIONALISTA A SOLIDARIEDADE ENTRE OS POBOS; unha candidatura encabezada polo dramaturgo Alfonso Sastre, que inclúe, entre outros, a Xosé Luís Mendez Ferrín e na que converxen formacións políticas soberanistas e organizacións anticapitalistas de distintas zonas do Estado español, nunha primeira tentativa de confluencia política práctica, respectando a soberanía das partes, que ten arelas de futuro.

Ademáis, e diante da grave decisión do Goberno español, presionado pola dereita máis extrema e inquisitorial, de tentar calar a voz de milleiros de cidadáns e cidadás, impugnando esta candidatura, facemos un chamamento para que se denuncie con contundencia, tanto no marco estatal como a nivel internacional, a reiterada violación da liberdade de expresión e do dereito á acción política, rexeitando enérxicamente calquera medida que atente contra os dereitos inalienables da cidadanía e dos pobos a elixir os seus representantes.

Asinan: Xosé Antón Laxe Mantiñán (Redes Escarlata)Xosé Luis Santos Cabanas (escritor e traballador USC)Anxo Angueira (escritor e profesor UVI)Darío Xoán Cabana (escritor)Carlos Velasco Souto (historiador e profesor UDC)Dionísio Pereira (economista e historiador)Lois Pérez Leira (sindicalista e historiador)Emma Lázare (profesora e tradutora)Xabier Cordal (ensaísta e profesor)Patricia Janeiro (escritora)Gonzalo Amoedo López (historiador e funcionario municipal)Fernando Pereira González (ensaísta e bibliotecario)Antón Dobao (director de cine e escritor)Gustavo Luca de Tena (escritor e xornalista)Elvira Riveiro Tobío (profesora e poeta)Aitor Rivas (profesor)Claudio Pato (poeta)Gonzalo Hermo González (poeta)Cibrán Santamaría Ríos (físico)Fernando Vilaboa Martínez (editor)Manoel González Cruces (músico e poeta)Xoaquín Freixeiro Álvarez (mestre)Xosé Chacón Benítez (productor artístico)Graciela Alba Burgos (diseñadora gráfica)Juan Carlos Merlo (ex xogador do Deportivo de A Coruña)Francisco Fernández Rei (catedrático USC e académico RAG)Xosé Collazo Castro (profesor)Xoán Carlos de Dios (pintor)Francisco Pillado Mayor (editor)Francisco Sampedro Ojeda (filósofo e catedrático de ensino medio)Roberto Gil Moure (historiador e funcionario municipal)Xerardo Moscoso Caamaño (director teatral, actor e antigo membro de "Voces Ceibes")

O Premio Nobel da Paz, Pérez Esquivel tamén se suma

Doutra banda, o escritor e pacifista arxentino, Adolfo Pérez Esquivel (Premio Nobel da Paz, 1980) tamén quixo facer patente o seu apoio a Iniciativa Internacionalista. Nunha carta dirixida ao presidente do goberno español, Rodríguez Zapatero, pídelle a súa intervención para "evitar accións antidemocráticas de cercenar o dereito á liberdade de expresión" e para "fortalecer as bases de diálogo e da participación humana". En concreto, refírese aos "representantes do facer cultural, educativo, social e político que reclaman o dereito á participación presentando a candidatura encabezada por Alfonso Sastre" e pídelle que actúe para que non se vexa mermada "a solidariedade entre os pobos, nacida da converxencia de diversas correntes detro do marco da lei e da democracia".

Ligazóns

No hay comentarios :

Publicar un comentario

+++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++

+++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++