Xosé Enrique Acuña. 15/03/2009 Décadas despois daquela brutal represión que se abriu desde xullo de 1936, aínda moitas das sanguentas vicisitudes que se produciron, nese ano e nos que o seguiron, mantéñense ocultas ou esquecidas vítimas da desmemoria que se abateu contra os vencidos da guerra civil. Nos últimos tempos asístese á apertura de fosas que son testemuño da intensidade represiva e da impunidade coa que se realizaron os crimes por parte das autoridades franquistas. Mentres, en Galicia, unha serie de investigacións están igualmente a incidir na xeografía de executados e paseados. Son varios xa os enterramentos clandestinos abertos por asociacións pola memoria pero, polo número realizado, aínda están lonxe de achegarse á inmensa cantidade de actos de ocultación dos cadáveres de fusilados efectuados polas cuadrillas falanxistas e as autoridades militares golpistas. No caso da cidade de Pontevedra, os historiadores atópanse con moitos problemas para enumerar e localizar unha serie de enterramentos, oficiais e para-oficiais, que transmitiron testemuñas orais e mesmo investigacións en arquivos oficiais que, á fin, se están a abrir á cidadanía.
A represión do 36 en Pontevedra mantivo características similares á perpetrada noutras capitais galegas. Exerceuse desde o mesmo momento do golpe militar contra a legalidade constitucional republicana mediante a represión directa, en plena rúa, contra os homes e mulleres que quixeron facer fronte ao levantamento. É cando se producen os primeiros mortos na cidade. Ao pouco, chega unha etapa na que as execucións parten de procedementos sumarísimos polos que son condenados a morte e executados a práctica totalidade dos líderes republicanos e sindicais da cidade. Paralelamente, comeza, apadriñada polo exército, unha violencia irregular e semiclandestina exercida pola tristemente célebre ‘Guardia Cívica’. Dirixida polo médico dereitista Víctor Lis, da súa responsabilidade directa son a práctica totalidade dos asasinatos, torturas e malleiras que se perpetraron sobre a poboación civil e, en particular, contra os dirixentes obreiros e agrarios da cidade e comarca. Un proceso represivo que se mantivo con plena intensidade, cando menos, ata marzo de 1937, e que levou á morte a centos de persoas, segundo teñen acreditado, as investigacións de Luís Lamela e numerosos testemuños orais e escritos.
No hay comentarios :
Publicar un comentario