Páginas

▼

lunes, 12 de enero de 2009

Congreso da Guerrilla Antifranquista Galega na Coruña, do 15 ao 17 de xaneiro

No ano 1936, Galiza caía nos primeiros días diante dos militares golpistas e comezaba unha fortísima represión; mais naqueles días comezaba tamén un movimento de resistencia contra o novo réxime que se alongaría por tres décadas. A historia do monumental esforzo que representou a resistencia galega contra o réxime franquista, no eido armado, político, sindical e cultural, é o obxecto deste Congreso.

O tema da guerrilla non foi esquecido na nosa historia nin na nosa literatura. Ao contrario, inspirou un bo número de investigacións dos nosos historiadores e historiadoras e tamén serviu de fío condutor de obras importantes da nosa literatura. E aínda hoxe permanece de xeito imborrable na memoria da nosa sociedade. Mais tamén ficaron na memoria colectiva os mitos creados naqueles anos escuros, dunha banda e doutra, que hoxe, coas ferramentas da investigación histórica e con novas fontes de documentación ao alcance dos historiadores, deben ser superados.

Este Congreso da Guerrilla quere dar continuidade a ese esforzo investigador e convertirse nun punto de encontro no que os investigadores poidan aportar os seus traballos sobre a resistencia galega ao franquismo dende distintos e plurais puntos de vista.

Recuperar a memoria de moitos protagonistas anónimos daqueles feitos, achegar a historia da aportación galega á resistencia antifranquista fora da Galiza, historiar a significación dos diferentes colectivos políticos e sociais, lembrar as repercusións sociais, políticas e mesmo económicas do feito guerrilleiro, son algunhas das tarefas que desexamos abordar neste Congreso.

Agardamos que a participación dos traballadores e traballadoras da historia neste Congreso poida servir para acadar eses obxectivos e tamén un outro algo máis trascendente: lembrar, recoñecer e homenaxear o esforzo e o padecemento de milleiros de galegos e galegas na resistencia contra a dictadura franquista.

No hay comentarios :

Publicar un comentario